FOTOGRAFIANDO AO MERLO RIEIRO (Cinclus c.) Correo-e
Escrito por NATURGALICIA   
Martes, 21 Setembro 2010 11:09

 

O merlo rieiro, merlo de auga ou pasarríos (Cinclus c.) é habitante dos regueiros e das cabeceiras e tramos medios de cursos fluviais de augas limpas da nosa comunidade, malia que co devalar dos tempos atopouse na obriga de aceptar cauces que máis semellan letrinas ou vertedoiros que parte daquela Galicia dos cen mil ríos prístinos cantada polos bardos doutros tempos.


Trátase dun acróbata das augas revoltas especializado en desenvolverse nun medio no que ningún outro paxaro o pode facer. De seguro que moitos o teredes visto, as máis das veces de pasada, voando pegado á auga ca súa acostumada celeridade; mais o abraiante é contemplalo nadando, mergullándose ou mesmo buceando entre as escumas máis bravas dos regueiros, sendo o único paseriforme enteiramente acuático de Europa e, sen dúbida, un paradigma de adaptación ao medio fluvial galego.


Nas vindeiras liñas imos explicar a metodoloxía e o equipamento axeitados para proceder á realización de sesións fotográficas de calidade con este paxaro.


METODOLOXÍA

Resulta imprescindible recurrir a técnicas de camuflaxe se o que queremos é acadar unha boa aproximación deste paxaro de apenas 18 centímetros: faise máis certa que nunca a frase de Fran Cappa de que se as túas fotos non son o bastante boas, é que non estás o suficientemente cerca.


Malia todo, poida que o que nos interese sexa captar ao animal no seu medio natural, sen primeiros planos nin achegamentos extremos. Aínda así, a camuflaxe non estará de máis e permitiranos pasar desapercibidos non só para a ave en cuestión, senón (o que ás veces é máis importante neste tipo de fotografía) para os curiosos e paseantes de diversa catadura: cómpre lembrar –e asegurar- que o benestar do paxaro é primordial, e que os nosos ríos contan cunha variopinta fauna que pode ser perxudicial para o obxecto da nosa reportaxe: desde pescadores até visóns, que poden supoñer un perigo para o merlo rieiro. Máxime se con comportamentos irresponsables ou pouco discretos descubrimos a outras olladas con intereses máis espúreos que os nosos os rincóns predilectos da ave que, podémosvos asegurar, será todo un placer fotografiar.

A antelación e previsión son fundamentais: o escondite debe estar preparado. Non sería ético nin práctico erguer o acubillo ou “hide” unha vez comenzada a tempada de cría, a choca ou a ceba.

 

 

 

O inverno é longo e, por fortuna, este paxaro comenza o celo cedo no noso país (xaneiro-febreiro) repetindo ano tras ano territorio e até ubicación de niño. Por estes motivos, e porque a preparación, estudo e planificación previos son sempre garantía de éxito, recomendávosmos unha labor de seguimento desde principios de ano: agardando e localizando as zonas máis querenciosas, as fervenzas –nas que se sinte seguro e libre de depredadores- e as pedras nas que prefire pousar.


Convén que saibades que é paxaro de hábitos preferentemente matutinos: ao raiar o sol xa está en actividade, que vai decaendo conforme avanza a mañán. Toca, pois, madrugar, documentarse o mellor posible e investir as horas de observación que sexan precisas sempre ca máxima discreción. Non faltará quen diga que ao solpor tamén se poden obter bos resultados, mais a nós non nos resultou nunca outro horario máis que o de mañanciña con ninguna das parellas que fotografiamos.


Poida que o primeiro ano non acadedes os resultados anceiados: non vai ser chegar e bicar o santo. Mais seguro que non serán tan malos como para que non voltedes a intentalo a vindeira primavera. Suliñemos que as fotos deste artigo foron tomadas en diversos emprazamentos, a diversas parellas (con cadansúas manías e vicios) ao longo de varios anos.


MATERIAL

Neste apartado podemos diferenciar entre o material necesario para acubillarnos e ocultarnos e os apertrechos propios da fotografía.
Do primeiro podemos decir que os mellores resultados acádanse recurrindo a un acubillo ou agocho (o que os anglosaxóns denominan “hide”) que, como dixemos arriba, cómpre montar con certa antelación. Pode complementarse con redes de camuflaxe ou/e con ramas e vexetación: nunca debemos cortar ramas nin plantas ás beiras dos cursos fluviais, pois, ademais de cometer un posible delito, estaríamos a alterar o medio, o fogar, do noso protagonista, e iso nunca é bo.
Non é necesario que o escondite sexa un dos fermosos (e caros) modelos que se poden atopar en diversos proveedores e tendas especializadas. Malia a súa indubidable comodidade e habitabilidade, pode resultar arriscado deixalo durante varias xornadas á beira dun río, atraendo a curiosidade allea e poida que a codicia.
En certas ocasións temos empregado sinxelo plástico negro de agricultura ou mesmo bolsas de lixo das grandes, estadulladas e atadas con cordel: é un método barato, efectivo (o fundamental é ocultar a figura do fotógraf@) e podemos despreocuparnos dos vándalos e de apropiacións indebidas.
Tocante ao equipo fotográfico: os varios anos de experiencia con este paxaro deixáronnos claro que a iluminación é un dos puntos dificultosos, pois os bosques chamados higrófilos, de galería ou de ribeira son sombríos en extremo. Case todas as fotos que ilustran este artigo están realizadas con 2, 3 ou mesmo 4 unidades de flash: lembremos que a actividade deste ave adoita desenvolverse en recodos escuros, baixo fervenzas e a primeiras ou derradeiras horas do día.


Non negamos a posibilidade de obter boas tomas cun único flash –ou mesmo con luz natural- mais coidamos que poucas veces acontecerá tal feito.
A sincronización das diversas unidades de flash pode efectuarse mediante sistemas inalámbricos (desde os máis caros anglosaxóns até os de procedencia chinesa), células fotoeléctricas xermanas ou o tradicional e desfasado cable sincro, que nos pode traer desagradables sorpresas en forma de traspés e caídas de parte do equipo á auga.
Como intuiredes, os flashes deben colocarse nos lugares apropiados, que recoñeceremos despois de varias xornadas de observación das nosas aves, e  camuflados para non despertar os seus recelos.
As ópticas: cadaquén as que poida permitirse. Obvia decir que a máis cartos investidos en vidro, mellor calidade se obtén. Malia todo, non se trata dunha especie que requira grandes aumentos e fastuosos teleobxectivos para acadar resultados agradables e decentes.  Nós temos empregado desde 200 até 500 mm con multiplicadores de focal (vulgo duplicadores). Desde logo o trípode e case obrigado para as ópticas de maior calibre e mesmo para poder ter o equipo disposto a altura axeitada.