AS BRANAS DE XESTOSO: ¿E A REDE NATURA 2000 EN GALICIA? Correo-e
Escrito por NATURGALICIA   
Martes, 22 Febreiro 2011 09:22

Este traballo, resumido por motivos de espazo, foi publicado na revista "Quercus", nº 259, en setembro de 2007, páxs. 26-32.

Estado habitual das brañas debido ás obras de desecación ilegal habituais nelas

Convén comenzar clarexando que o termo braña é de uso habitual en gran parte de Galicia e Asturias. Trátase dunha forma antiga de orixe discutido con dúas sucintas acepcións no dicionario: a primeira defíneas como prados situados en lugares altos; e a segunda como poboados estivais de pastores ou vaqueiros de alzada. Polo xeral, as zonas que reciben este nome caracterízanse polo anegamento de parte do terreo e, en moitas ocasiones, pola presenza de  vexetación higrófila de turbeiras, con especies adaptadas á anaerobiose edáfica e capaces de soportar períodos de inmersión total ou parcial.

 

A segunda acepción da palabra remítenos tamén ao uso tradicional destes espazos desde o Neolítico: o aproveitamento a favor do gando en réxime estensivo. Non deixa de ser unha curiosa antítese o feito de que este gando, que lles deu nome e sentido ás brañas, se teña convertido hoxe, como veremos, nunha das maiores ameazas para a súa conservación.

 


A proposta de Galicia á Rede Natura 2000 inclúe unha representación desta clase de humedais e a maioría dos LIC galegos non costeiros conteñen hábitats turbosos: turbeiras de cobertor como as da serra do Xistral, turbeiras altas como as de Ancares, Monte Faro ou estas de Xestoso e turbeiras baixas como as de Parga-Ladra-Támoga. Tanto as de cobertor como as elevadas activas son hábitats de protección prioritaria para a Unión Europea.


Caracterización dos ecosistemas e formacións vexetais

As brañas de Xestoso están situadas a unha altura considerable para a media da rexión (650 metros sobre o nivel do mar), en plena depresión meridiana galega e moi próximas á serra do Candán, que as limita polo leste. Contan en total cunha estensión recoñecida de 1077 hectáreas, sendo a súa máxima cota o monte San Sebastián, con 750 metros. Delas nacen dous regueiros que verten a concas distintas: unha ao Deza e outra ao Liñares, ambos afluentes do Ulla.


Municipalmente as súas terras repártense entre tres concellos do norte da provincia de Pontevedra (A Estrada, Forcarei e Silleda), o que contribúe aínda máis a dificultar a súa xestión e conservación, dada a pasividade das administracións locais hacia estes espazos (1). Constitúen, sen lugar a dúbidas, unha das mellores representacións das turbeiras altas do sur de Europa: de aí a declaración realizada o 12 de abril de 2004 como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, que como veremos, servíu de ben pouco.


A climatoloxía é suave, típica do clima atlántico e cunha media de 1800 mm anuais de precipitación, contando con fortes xeadas invernais e cada vez menos días de neve. Convén mencionar ao respecto que, desde o medievo, os monxes cistercienses do próximo mosterio de Aciveiro explotaban por medio de neveiros excavados na rocha a neve da que surtían aos vales o resto do año. Co xeo alí conservado formábase un circuito comercial que chegaba á costa: no denominado Tombo Grande do mosteiro  elaborado en 1617, dise que se levaba até a cidade da Coruña na cantidade que “hubiese menester para el gasto de la Casa de su Excelencia el Señor Gobernador y Capitán General de este Reino y la Casa de su Excelencia la Condesa de Paredes” entre outros. Parece que se trataba un ben de prezo elevado que unicamente os máis privilexiados desfrutaban.


Agora esta actividade, que nos seus bos tempos redituaba aos abades máis de mil ducados cada ano, sería imposible de realizar pola redución de precipitacións desta caste. Unha proba concluínte de que o clima está cambiando.
En termos xeolóxicos trátase dunha zona de suaves planicies e substrato granítico moi erosionado e degradado que presenta nos seus aledaños vales fluviais nos que se conservan boas formacións forestais de bosque atlántico que, inexplicablemente, teñen quedado fóra da proposta da Rede Natura 2000.
A presenza de ecosistemas de turbeira é o rasgo que lle confire a súa excepcionalidade ás brañas de Xestoso. Características destes lugares son a elevada concentración de materia orgánica e a capacidade das súas comunidades de plantas para formar un rexistro detallado da súa historia en forma de restos fósiles. Son pois espazos que, ademais de contribuír ao mantemento da biodiversidade, convértense en arquivos capaces de ofrecernos detallados datos polínicos, de contaminación atmosférica, de fauna e flora pretéritas, de cambios ambientais... .
Según o Interpretation Manual of European Union Habitats da Rede Natura 2000 (2) o tipo representado en Xestoso corresponde maioritariamente ao das turbeiras altas activas de natureza minerotrófica, con formacións vexetais que se caracterizan por zonas abertas dominadas por briofitos. Chegados aquí, cómpre suliñar que, das máis de 500 especies de briófitos descritos en Galicia, 24 figuran Libro Roxo de Briófitos Europeos (Red Data Book of European Bryophytes)  de 1995.
Tamén son interesantes os musgos como os do xénero Sphagnum, principais compoñentes da turba e que parece que aínda poden aportar especies novas ao ámbito botánico. E, desde logo, toda a cohorte de ciperáceas dos xéneros Eriophorum e Carex, xuncáceas e orquidiáceas como Dactylorhiza maculata se suman a plantas especializadas como Drosera rotundifolia (3) que, aínda que fotosinteticamente activa, supera as deficiencias de nitróxeno e fósforo da turba mediante a captura de insectos. Moitas destas especies teñen sido recoñecidas como de interese comunitario de acordo ca directiva 92/43 CEE, polo que é preciso consignarlles zonas especiais de conservación a unhas e regular as condicións de recollida e explotación de outras.


A escasa diversidade florística das turbeiras vese compensada, como vemos, pola presenza nelas de varios endemismos e de especies que unicamente medran nestes esosistemas: Agrostis juresii, Parnassia palustris, Menyanthes trifoliata, Pinguicula lusitanica, Narthecium ossifragum...


Nas  marxes destas unidades son máis frecuentes os matorrais de uces (Erica mackaina, E. tetralix, E. ciliaris...) que deixan paso ás formacións de especies de maior amplitude ecolóxica (Molinia caerulea e Festuca rubra), utilizadas tradicionalmente como prados de pasto para o gando.


Antes de que o lume devastase casi o 20% da súa estensión en apenas unhas horas na vaga de incendios do ano 2006, o núcleo das brañas estaba arrodeado dun entorno de Cytisus striatus de gran porte que ofrecía refuxio a  boa parte da fauna do lugar. En torno a estas formacións, grandes manchas de monte baixo de toxos (Ulex europaeus e U. Minor) compoñían un particular mosaico xunto a leguminosas higrófilas e pasteiros dominados por gramíneas.

 

 


Ás brañas está asociada unha lagoa ou charca estacional de aproximadamente unha hectárea: a súa cubeta só presenta auga en época de choiva e mantén vestixios de muros na parte do seu perímetro mellor conservada. A ela vencéllanse unha serie de lendas na comarca, que a relacionan co último lugar de repouso dos guerreiros falecidos nunha batalla que tivo lugar nas inmediacións: de aí o estar circundada cun muro de pedras, para evitar as profanacións. Vano intento: parte dela desapareceu baixo a vía asfaltada (non merece o calificativo de estrada) que leva ao lugar de Valadares da parroquia de Meavía. A outra metade é profanada a cotío co verquido de xurros e a limpeza de cubas de transporte de puríns.


Aparte de numerosas lendas con máis ou menos visos de realidade é innegable a importancia arqueolóxica do entorno, salpicado mámoas que en moitos casos teñen sucumbido tamén baixo os pasteiros.
Xa nas marxes das turbeiras medraban dispersos exemplares dos xéneros Betula e Salix aos que lles foi imposible prosperar pola recurrencia dos incendios. Unicamente chegan a alcanzar certa entidade nas cabeceiras dos regueiros que baixan até as carballeiras. Nelas, excluídas da proposta da Rede Natura noutro alarde de desidia administrativa e aínda ben conservadas, comenza a ser o carballo a árbore dominante (asociación Quercus roborum-ruscus), que ofrece  refuxio a algúns dos últimos exemplares de bufo  (Bubo b.) da nosa comunidade. Ao longo desa transición até o val e como vexetación azonal, poden verse masas lonxitudinais de Alnus glutinosa que marcan o tránsito dos cauces fluviais aspirando a formar bosques de galería (asociación Senecio bayonensis-Alnetum glutinosae) e diminutos soutos.


A fauna das brañas de Xestoso: o que resta dunha diversidade relicta

As máis de corenta especies de mamíferos rexistradas na zona non son senón un espellismo dos que noutrora campaban polas estribacións da serra do Candán: cerca de Xestoso aínda se conserva en bo estado una alvariza que defendía as cortizas de abellas dos embites dos osos. No seu interior quedan os últimos enxamios propiedade dos tamén escasos veciños, mais xa no precisan defensa tan rexa senón contra os curiosos que por alí nos achegamos.

 


Tampouco está de máis recordar que o insigne naturalista galego Seoane mencionaba no século XIX ao lince (Lynx pardina) como presente nos montes da parroquia de San Pedro de Orazo, lindantes ca braña pola súa parte estradense (4). E que outro naturalista, Xosé Curt, afirmaba que o último exemplar galego foi abatido nas inmediacións de Pontevedra en 1950 e taxidermizado en Santiago de Compostela, onde se conserva nun domicilio particular.
Malia todo, sen dubida é o lobo, supervivinte da depauperización biolóxica á que ten sido sometida a zona e todo o noso país a prol dun suposto “progreso” mal entendido e moi ben publicitado desde os que se benefician del, o que deixou máis restos no patrimonio cultural como testemuñas da saña ca que se trató de levar a efecto o seu exterminio: nas proximidades do lugar aínda poden intuírse os restos de tres foxos destinados á sua caza. E é que polo menos desde o  Sínodo Compostelán do ano 1113 foi perseguido de forma sistemática e organizada. Nese texto legal de preceptivo cumprimento e que atinxía toda a poboación, ordeábase a preparación e uso destas trampas e promocionábase a caza do lobo en días precisos (“todos os sábados, excepto os de Pascua e Pentecostés”) por parte de todas as clases socias: “In unoquoque sabbato (excepto Paschae et Pentecostes) presbyteri, milites, rustici, cuiusque negotii inmunes, lupos exagitantes persequantur, et eis praecipicia, quod vulgus fogios vocat, praeparent. Quaeque etiam ecclesiae VII ferreas cannas persolvat” (5).
Como vemos, cada parroquia -en Galicia hai máis de 5000 destas entidades- debía aportar sete chuzos de ferro, resultando sancionado o que non acudiese, sendo sacerdote ou cabaleiro con cinco soldos e sendo campesiño con un ou unha ovella. Disposicións similares se repiten no posterior ordeamento xurídico da zona até as leis e ordeanzas municipais para exterminalos dos séculos XIX e XX. Non resulta estrana, pois, a profusión destes “fogium lupalem” e a presenza na toponimia do entorno das brañas de ducias de alusións a “foxos”, “refoxos”, “cortellos de lobos”, “matalobos”, etc.
¿Acaso non se merece este animal unha tregua logo de dez séculos de encarnizamento? Porque se nos sorprende a capacidade de supervivencia do lobo na actualidade, déixanos estupefactos o carácter de peza cinexética que desde a administración se lle pretende atribuír no século XXI, máxime cando nos países civilizados da zona euro conta con severas medidas de protección. Cremos un deber protexer a esta especie, ao seu entorno e ao patrimonio a el vencellado, e consideramos que se merece o mesmo interese e orzamentos dos que gozan outras manifestacións pertencentes ao noso acervo cultural.
Tamén é a toponimia a que nos fala da presenza de cervos campando polas brañas nos nomes de parroquias limítrofes como Cervaña ou de accidentes xeográficos coma o monte da Cerva; e a súa caza está comprobada documentalmente cando menos até o século XVIII por declaracións xudiciais de veciños afirmando que “los sábados de cada semana [...] han hecho correr y montear los lobos y venados”, especialmente durante o tempo de Cuaresma, “lo qual se executa por el perjuicio que puede seguirse a los frutos” (6).
Lobos, xabaríns, corzos, teixos e raposos son, a día de hoxe, os únicos que soportan una actividade cinexética completamente descontrolada que, baixo a falsa denominación de deporte, cos auspicios públicos e sen controlador algún, pode reunir máis de mil “escopeteiros” cas súas correspondentes xaurías nun só día. Non lles auguramos demasiado futuro ni a uns nin a outros.

Os morcegos, tanto dos xéneros Pipistrellus, como Myotis ou os Rinolofos cóntanse tamén entre os tesouros que agochan as brañas de Xestoso.


Os aficionados á ornitofauna aínda poden atopar neste ecosistema un elenco de case cen especies entre as reprodutoras e as que empregan a zona como parada nas súas migracións ou como mera estación de paso. Entre estas últimas destacan as avetardas (Otis tarda), que se deixan ver no verán tralas dispersións postcría. Tamén píllaras douradas (Pluvialis apricaria), avefrías (Vanellus v.), patudas (Himantopus h.), tordos reais e malvises (Turdus pilaris et Turdus iliacus)... . Das reprodutoras na zona destacaríamos a aguia cobreira (Circaetus gallicus), o falcón pelegrín (Falco peregrinus) ou a rapiña arpella (Circus aeruginosus). Aínda que o máis notorio dos últimos anos foi a confirmación de cría da curuxa das xunqueiras (Asio flammeus) en 2004, coincidindo cas primeiras citas en Galicia deste feito e sumándose cando menos outra polada ás dúas observadas por Xoán Carlos Epifanio e Adolfo Novexil (7). Agardamos ter a misma certeza sobre o sisón (Tetrax t.).


Tocante á herpetofauna, está representada por vintecinco especies de anfibios e reptís  entre os que podemos destacar ao máis importante endemismo vertebrado galaico: a salamandra galega (Chioglossa lusitanica), de distribución circunscrita aos regueiros da zona caducifolia excluída da Rede Natura. Outra das alfaias das brañas é a estroza ou ra de Santo Antón (Hyla arborea), único representante europeo dunha familia de anfibios con hábitos arborícolas. O cobregón (Malpolon monspessulanus) e a ra vermella (Rana temporaria) atopan aquí o límite máis septentrional á súa distribución.


As Brañas de Xestoso: situación actual e perspectivas de futuro

A importancia dos ecosistemas de turbeira foi recoñecida pola Unión Europea ao propoñer a súa inclusión nunha directiva que se plasma na creación dunha rede de áreas de especial conservación, denominada Rede Ecolóxica Europea Coherente Natura 2000. Esta actuación, adaptada ao ordenamento xurídico español polo real decreto 1997/1995, de 7 de decembro, establece medidas para garantizar a biodiversidade mediante a conservación de hábitats, fauna e flora. A día de hoxe as brañas de Xestoso, propostas para formar parte dela, contan con dúas figuras de protección plasmadas sobre o papel: LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) e ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais). Ambas serven de pouco dada a carestía de instrumentos de control e xestión. Así, podemos afirmar que se están incumplindo de forma sistemática todas as normas recomendadas para a conservación destas zonas e moitas outras que pertencen ao ámbito do máis puro sentido común.
En agosto de 1995 a sociedade “Energía Eólica de Galicia S. A.” presentou ante a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia a solicitude de aprobación do chamado “Plan Eólico Estratégico”, que foi aceptado. Esto supuxo a ordeación dos recursos eólicos do noso territorio ca participación de empresas estranxeiras con filiais ou delegacións en Galicia; e, ao tratarse dun proxecto predeterminado por unha atribución de uso e aproveitamento, as consideracións ambientais serán incorporadas ao proceso de definición última do proxecto. Deste xeito téñense orixinado causas xudiciais aínda en curso contra empresarios que acumulaban máis dunha ducia de obras eólicas e hidroeléctricas carecendo de capacidade empresarial, mais contando con amigos e familiares na clase política.


Aínda que a consellería de Innovación e Industria parecía ter tomado cartas no asunto, como resultado deste tipo de actuacións na zona das brañas plantexouse a construción dun parque eólico con 15 aeroxeneradores de 1,3 megavatios cada un, con inevitable impacto ecolóxico e arqueolóxico. Ao fin, foron nove os aeroxeneradores alí instalados.


Dado o raquítico da estensión da Rede Natura na nosa comunidade autónoma (somos a segunda que máis incumple a obriga de declaración de ZEPAs e unha das principais responsables de expedientes de infracción abertos a España pola Unión Europea por incumprimiento da Directiva Aves entre outras), non entendemos estas actuacións fóra de lugar, facéndose imperiosa unha revisión do plan sectorial eólico. Na promoción de enerxías renovables debería facerse prevalecer o respeto polas especies e os espazos naturais. E, xa que calquer fonte de enerxía conleva problemas ambientais, debería promocionarse un mellor emprego e eficiencia enerxética.
Outro dos riscos para as brañas é o incremento da área destinada á alimentación non tradicional do gando. En Xestoso estase procedendo a roturar grandes parcelas de terreo, alterando a fisonomía da zona, destruíndo cursos de auga que servían de abrevadeiro a multitude de especies e innumerables madrigueiras de fauna hipoxea. Tanto a Sociedade Galega de Historia Natural como outros colectivos e particulares teñen denunciado danos irreparables como a variación do cauce do río Escuadro, o recheo con terra da súa cubeta ou a colocación de tuberías de formigón para o tránsito de tractores e outro tipo de maquinaria.
Se xa o pastoreo estensivo supón unha ameaza ás turbeiras pola incorporación masiva de estercos que favorece a eutrofización, aínda maís a conversión en pasteiros de amplas zonas que serán explotadas intensivamente e con maquinaria agrícola pesada. As técnicas de drenaxe e desecación que conlevan a retirada de vexetación, o arado e a calcificación dos terreos súmanse á apertura de novas vías de acceso derivadas dunha caciquil política de concentración parcelaria manifestada durante decenios.


Por riba, vencellado a moitos destes comportamentos lesivos para as brañas está o lume, que desde o Neolítico se asociou á gandeiría como a máis eficaz das armas de deforestación. Oficialmente, según datos da Xunta de Galicia, teñen ardido nos incendios do 2006, 188 hectáreas das brañas de Xestoso, o que supón case o 18% da súa superficie total. A asociación home-gandeiro-lume segue a ser unha grave ameaza da que a toponimia conserva a pegada: Rozadas, Queimado do Santo... .


Non pretendemos botar aos agricultores, como conxunto, a culpa de todos os males das brañas. Sabemos que moitos están, ao seu pesar, incluídos dentro dun circuito comercial imposto desde economías supraestatais, involucrados en sistemas agrícolas fixos fundamentados en grandes unidades produtivas e arrodeados de manipulacións de precios. Mais son as súas actuacións puntuais as que dañan e poñen en perigo severo este ecosistema: a drenaxe efectuada causa a desecación de charcas e a eliminación da flora e da fauna asociadas, perxudica o nivel freático e fai a turbeira máis susceptible ao lume. Tamén provoca a desecación e a oxidación da turba, acelerando os procesos de acidificación dos cursos de auga próximos. O pastoreo indiscriminado, a adición de fertilizantes, a eliminación de rochas, as queimas periódicas de matogueiras, as plantacións de millo –transxénico- para ensilar... . En definitiva, provócanse cambios nos usos do solo que, se ben poden favorecer a determinadas comunidades biolóxicas, fano en detrimento de outras moitas.
De acordo co establecido no artigo 16.2 da Lei 9/2001, de 21 de agosto, de conservación da natureza, os usos e actividades que se realizaron nestes espazos e que non vulneren os seus valores naturais, poderanse seguir levando a cabo de xeito tradicional. Esto complétase, malia todo, co citado real decreto 1997/1995, derivado da Directiva 92/43/CEE, que establece a obriga de mantener determinados hábitats naturais e taxóns.
É imperativo que os propietarios de explotacións agrosilvopastorís cesen de realizar verquidos e tarefas de lavado ou limpeza de cubas nestes lugares. Os agricultores e/ou as autoridades competentes deberan facerse cargo de que se aproxima unha crisis alimentaria por intoxicación crónica dos consumidores: unha das novas máis preocupantes é a redución até nun 50% da poboación de abellas na nosa comunidade autónoma nos dous últimos anos, con perdas de máis de 6 millóns de euros. Os apicultores achácano, entre outras causas, ao emprego de produtos fitosanitarios.
Deberíanse amparar con medidas de protección especiais as carballeiras e masas de caducifolias vencelladas a Xestoso, tratando de equipararnos así a situacións como a inglesa, que outorga protección ao 100% destas formacións, procurando deter a regresión continua de frondosas na nosa comunidade. Se fose preciso incrementar o patrimonio público mediante a compra ou a adquisición das parcelas de maior valor ecolóxico, botando man incluso da tan empregada para usos máis espúreos figura da utilidade pública aducida para parques eólicos o centrales hidroeléctricas, deberíamos facelo xa. Mesmo deberiamos apoiar, financieiramente, o feito de deixar improdutivas algunhas fincas. Máxime se hai un excedente agrícola moitas das veces.
Nesta liña, deberían levarse a bo porto actuacións que incidisen na preservación da biodiversidade, aínda que só se tratase de humildes alineacións forestais nas zonas máis castigadas pola perda de masa arbórea.
A este fin supoñemos que se destinarán polo menos parte dos tres millóns de euros que a administración autonómica consignara para a rexeneración de zonas propostas para a Rede Natura e arrasadas polos incendios do ano 2006. Podería aproveitarse para efectuar un cambio no trazado da estrada que atravesa a lagoa estacional e rexenerar o seu entorno.


Avogariamos tamén por un ordeamento cinexético específico: xa aludimos a que as ordes anuais de vedas en Galicia incumplen a Directiva Aves da Unión Europea ao permitir a caza de algunhas especies en plena temporada de cría, por exemplo. Ou durante a migración de regreso aos territorios de cría (“caza a contrapasa”) da chocha perdiz (Scolopax rusticola) e becacina (Gallinago gallinago). Tampouco é ético que se permita na zona a presenza masiva de cazadores e cans sen ningún control máis que o que se autoimpoñen mediante as súas sociedades de caza.


Outro problema, secundario en comparación cos anteriores, constitúeno as inxerencias que realizan nestes ecosistemas individuos manexando vehículos recreativos a motor baixo o pretexto de efectuar unhas presuntas “actividades deportivas”. Dentro desta caste de “exploradores” sobresaen os que empregan quads. Para palialo faríase necesaria unha mellor sinalización, que incluíse a prohibición e regulamención do tráfico de vehículos de ocio a motor e de maquinaria pesada, sobre todo en época de freza de anfibios e batracios: na actualidade a comunidade galega non conta con ningún tipo de regulamento específico que detalle e estableza as normas para uso de vehículos en vías forestais, camiños e dentro de zonas de alto valor natural e espazos naturais protexidos. Aínda así, considérase a circulación con vehículos a motor dentro dos espazos catalogados como protexidos como infracción grave en virtude do artigo 64.8 da lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galicia, salvo que se conte con autorización administrativa (da que carecen cantos alí van aos mandos de excavadoras e vehículos pesados a desecar as brañas e incrementar os cultivos forraxeiros). Tamén é aplicable o disposto no artigo 54.2 da lei 10/2006 de 28 de abril, polo que se modifica a lei 43/2003 de 21 de novembro, sobre montes, que di: “a circulación con vehículos a motor por pistas forestais situadas fóra da rede de estradas quedará limitada ás servidumes de paso a que houbese lugar, á xestión agroforestal e ás labores de vixilancia e extinción das administracións públicas competentes”.


Aparte disto, podemos afirmar que en toda a zona das brañas non hai nin unha soa sinal de tráfico. Nin un só indicador explicativo das actuacións prohibidas no entorno. Unicamente un miserento e incompleto panel que tenta explicar os valores naturais que alí se poden atopar e un par de “investimentos verticais” nos que alguén con escasas nocións de galego e sen axuda de ningún normalizador anuncia que estamos nas “brañas de Xestoxo”. Vivir para ler!
Resumindo, cremos necesario incrementar no só a cantidade de hectáreas destinadas a formar parte da Rede Natura, senón tamén a escrupulosidade da súa xestión, para que no século XXI o desprestixio e o empobrecemento, simbólico e material, natural e cultural, que para Galicia supuxo a extinción de especies coma a pita do monte (Tetrao urogallus cantabricus), a cabra de Xurés (Capra lusinatica) ou o que está sucedendo co arao (Uria aalge), do que se supón que quedan catro exemplares, non se repita.
Non podemos resignarnos a que os únicos osos que nos queden e que desfruten das subvencións outorgadas en base aos nosos impostos sexan os protagonistas de celebracións carnavalescas como a do Oso de Brollón e que os únicos lobos se reduzan aos debuxos que adornan as máscaras dos peliqueiros de Laza.
Véñennos á memoria, como colofón e pola súa actualidade, as verbas de Francisco de Paula Mellado referidas á nosa comunidade autónoma: “Había en otro tiempo osos y asnos salvajes; hoy sólo se encuentran lobos, zorras, cabras, corzos, ciervos y jabalíes. También muchas aves de rapiña” (7).

 

 

Agradecementos

Queremos expresar a nosa gratitude a Manuel Anxo Cortes Sanmartiño e a Roberto Figueiras Nodar, sen os que este modesto estudo aínda o tería sido máis.


BIBLIOGRAFÍA

(1) Por exemplo, dentro dos espazos naturais protexidos que contemplan as Normas Subsidiarias de Plantexamento Provincial encontramos unicamente cinco espazos naturais protexidos para toda a provincia de  Pontevedra. Entre eles unha mínima parte das brañas de Xestoso, a chamada Lagoa Sagra de Olives e o seu entorno, até un total de 87,66 hectáreas: o punto preferido polos usuarios de quads, vehículos recreativos a motor e propietarios de tractores para o seu lecer ou a limpeza das cubas de xurros e puríns, actividades que continúan a exercerse impunemente.

(2) EUROPEAN COMMISSION (1996). Interpretation Manual of European Union Habitats. DG XI - Environment, Nuclear Saftey and Civil Protection.

(3) Pormenorizados aspectos da vexetación destes espazos e da súa dinámica teñen sido estudiados por:

FERNANDEZ PRIETO, J. A., M. C. FERNÁNDEZ ORDÓÑEZ & M. COLLADO PRIETO (1987). Datos sobre la  vegetación de las "turberas de esfagnos" galaico-asturianas y orocantábricas. Lazaroa VII: 443-472.

GUZMÁN, J., J. RODRÍGUEZ OUBIÑA & J. Mª SÁNCHEZ FERNANDEZ (1990). Estudio y fenología de la floración en las brañas del noroeste de la Península Ibérica. Anales Jard. Bot. Madrid 47(2): 401-409.

MARTÍNEZ CORTIZAS, A., GARCÍA-RODEJA GAYOSO, E. (Coord.) (2001) Turberas de montaña de Galicia. Consellería de Medio Ambiente. Xunta de Galicia.

RODRIGUEZ OUBIÑA, J. (1986). Estudio fitosociológico de las brañas de la provincia de La Coruña. Tesis doctoral. Facultad de Farmacia, Universidad de Santiago de Compostela.

(4) LÓPEZ SEOANE, V. Fauna mastológica de Galicia. Santiago, 1861.

(5) LÓPEZ FERREIRO, A. Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela, 1900.

(6) ARQUIVO HISTÓRICO DIOCESANO DE SANTIAGO. Fondo Xeral. Xuízos, século XVIII. Ano 1768.

(7) EPIFANIO, J. C., NOVEGIL, A. Primeros datos de cría del búho campestre en Galicia. Quercus 225: 20-25.
(8) PAULA MELLADO, F. DE. Recuerdos de un viaje por Galicia en 1850. Madrid, 1850.